Revista Galega de Administración Pública, EGAP
Núm. 68_xulo-decembro 2024 | pp. 219-222
Santiago de Compostela, 2024
https://doi.org/10.36402/regap.v68i1.5289
© Carlos de Román Castro
ISSN-e: 1132-8371 | ISSN: 1132-8371
Recibido: 27/03/2025 | Aceptado: 27/03/2025
Editado bajo licencia Creative Commons Atribution 4.0 International License
Rodríguez-Campos González, Sonia, “ El Estado empresario y la defensa del patrimonio cultural: Régimen jurídico de la Red de Paradores Nacionales”, Aranzadi, 2025.
Carlos de Román Castro
Doctorando en Relacións Laborais
Universidade de Santiago de Compostela
1 Unha visión xeral da obra
O libro ante o cal nos atopamos ten a súa orixe en dous estudos previos realizados pola profesora titular de Dereito Administrativo Sonia Rodríguez-Campos González. Da lectura da nota preliminar despréndense os dous motivos que impulsan a autora a realizar o traballo sobre o que versa esta recensión: unha incuestionable relevancia do turismo na realidade socioeconómica nacional e a falta de estudos na doutrina sobre esta rede de Paradores. Baixo esta premisa, sométese a análise este modelo de intervención pública mediante esta fórmula do dereito privado, a través dun estudo xurídico-administrativo que afonda en aspectos teóricos e prácticos dos Paradores en España.
O traballo iníciase cun prólogo asinado polo profesor Lavilla Rubira, quen ofrece unha breve introdución ao estudo e dedica unhas palabras de recoñecemento ao destacado traballo da autora, así como á súa traxectoria académica e profesional.
2 Estruturación
O corpo principal do estudo estrutúrase en catro partes diferenciadas, nas cales se afonda en senllos aspectos dos Paradores.
A primeira parte da obra recibe o título de «Administración Pública e Paradores. Os fundamentos» e está composta polos catro primeiros capítulos.
O primeiro deles titúlase «Introdución ao sector público». Neste capítulo ponse de manifesto a pronunciada necesidade de cubrir o baleiro –previamente– existente na doutrina en relación cos Paradores, algo que, como sinala a autora, resulta paradoxal xa que o turismo desenvolve un papel fundamental na nosa economía. Este primeiro capítulo conclúe cunha breve síntese introdutoria respecto ás diferentes empresas públicas que interviñeron no turismo ata a transformación no ano 1990 da Administración Turística Española (ATE) nunha sociedade estatal coa denominación de Paradores de Turismo de España, S.A.
O capítulo segundo leva por título «A rede de Paradores na historia do turismo español». A través deste capítulo, compleméntase a aproximación histórica iniciada no capítulo anterior, a cal culmina na actualidade coa clasificación (entre rexionais ou históricos) e caracterización desta cadea hoteleira pública.
O capítulo terceiro responde á denominación «A Administración turística do Estado». Nel a autora distingue tres etapas históricas diferentes na historia da Administración xeral turística do Estado e conclúe introducindo o lector en dous órganos de especial relevancia aos cales se lles dedica o resto do capítulo: o Instituto de Turismo de España (Turespaña) e Paradores de Turismo de España S.M.E., S.A., sobre os cales se expoñen unhas liñas xerais acerca do seu réxime xurídico.
O capítulo cuarto titúlase «A diversa actividade administrativa en materia turística: o caso dos Paradores». Nel analízase o caso dos Paradores como unha manifestación de actividade de xestión económica na cal o Estado actúa como empresario hostaleiro, en competencia co resto de partícipes privados, ao abeiro do exercicio de liberdade de empresa que lle confire á Administración o apartado segundo do artigo 128 da CE.
A segunda parte da obra, que ten como título «O marco constitucional», está composta polo conxunto de capítulos que abranguen dende o quinto ao oitavo.
O capítulo quinto titúlase «Referencia ás bases da intervención administrativa na economía» e aborda unha perspectiva distinta dos Paradores, centrándose na súa significación económica en canto á súa consideración como intervencionismo público na economía. Partindo desta premisa, a autora ofrece unha breve introdución a cuestións que serán abordadas a posteriori, pero que orbitan arredor da perspectiva económica, constitucionalidade e os límites da intervención estatal no mercado.
O capítulo sexto titúlase «Os Paradores de turismo como exercicio da iniciativa pública na actividade económica». Nel trátanse as orixes destes establecementos, cuxo inicio se remonta á ditadura de Primo de Rivera, época en que xurdiron, ademais dos Paradores, diferentes modelos de intervencionismo público en España. Así mesmo, reflexiónase sobre o encaixe normativo da finalidade á que responden estas localizacións hoteleiras, tanto no ámbito supranacional co TFUE como no nacional na CE.
O capítulo sétimo titúlase «Bens e dereitos constitucionais implícitos na realidade dos Paradores». A autora enumera os distintos intereses públicos que xustifican a actividade da rede de Paradores, entre os que se atopan, por citar algúns deles: desenvolvemento dun produto turístico de calidade, facilitar a recuperación do patrimonio histórico, promover a tradicional gastronomía rexional, etc.). Simultaneamente, os ditos fins son vinculados con senllos bens de relevancia constitucional, como por exemplo coa preservación do patrimonio histórico-artístico de titularidade estatal en cumprimento do mandato do artigo 46 da CE ou a difusión da cultura, coñecemento e respecto do medio natural conforme o primeiro precepto do artigo 44 da CE, entre outros.
O capítulo oitavo leva por denominación «O complexo fundamento competencial da titularidade do Estado». Neste capítulo reflexiónase sobre a titularidade estatal da rede de Paradores e como a dita titularidade e actividade xestora se encadran dentro do ámbito da discrecionalidade política dos órganos xerais do Estado, sen prexuízo da súa adecuación ou axuste ás regras xurídico-públicas establecidas baixo o marco das competencias de ordenación que teñen as diferentes comunidades autónomas.
A terceira parte da obra titúlase «A ordenación xurídica da rede» e está composta polos capítulos noveno e décimo, sendo este o último capítulo da obra.
O capítulo noveno leva por nome «Actuación administrativa baixo formas de dereito privado e incidencia no sector turístico». Nel a autora ofrece unha serie de consideracións acerca do «recurso ao dereito privado na forma de actuación por parte da Administración», as diferentes manifestacións e unha serie de exemplos actuais deste fenómeno no marco nacional.
O capítulo décimo, no que respecta ao seu contido nesta terceira parte, leva por título «Réxime xurídico da rede de Paradores». Neste expóñense os antecedentes á configuración actual dos Paradores como sociedade mercantil de titularidade pública, así como o estudo desta fórmula. A autora completa o estudo do réxime xurídico dos Paradores cunha breve, pero interesante, análise de dereito comparado centrada no caso de Portugal e as Pousadas.
A cuarta parte do libro tamén forma parte do capítulo décimo, e titúlase «Balance e perspectivas». O contido deste capítulo constitúe unha sorte de conclusións onde a autora recapitula e conclúe diversas cuestións abordadas ao longo da obra, ofrecendo unha visión global e reflexiva sobre o modelo da rede nacional de Paradores, mantendo a perspectiva xurídico-administrativa
3 Reflexión persoal
A obra obxecto de recensión posúe un enfoque eminentemente xurídico que lle permitirá ao lector afondar no réxime xurídico desta singular figura do dereito administrativo: a rede nacional de Paradores. A profesora Rodríguez-Campos González vai un paso máis alá ao incorporar –con notable resolución– perspectivas e ideas complementarias ao contido xurídico da obra, como unha sintética aproximación histórica a determinados puntos clave da historia e evolución dos Paradores, así como algunhas notas sobre a significación económica que supón este modelo administrativo de carácter comercial. Este conxunto consolida a obra como unha achega única na doutrina, de plena actualidade e relevancia, situando a autora como investigadora de referencia para todo aquel interesado na temática.